Saturday 11 de May de 2024

O proxecto participativo “Somos Lousame” busca reforzar o sentimento de autoestima da veciñanza e proxectarse ao exterior


 

A iniciativa foi presentada por Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, e Gemma Castiñeira, de GT Comunicación diante preto dun cento de veciños e veciñas do municipio

Preto dun cento de veciños e veciñas do municipio participou na presentación oficial da iniciativa “Somos Lousame”, un proxecto de participación cidadá que se vén desenvolvendo dende hai uns meses. Unha presentación que correu a cargo da alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e de Gemma Castiñeira, cofundadora de GT Comunicación, e na que presentaron as primeiras entrevistas realizadas a veciños e veciñas de Lousame de distintas localidades, idades e profesións.

Teresa Villaverde explicou que “Somos Lousame é unha marca-territorio que servirá non só para reforzar o noso sentimento de orgullo, de pertenza e de autoestima, senón tamén para axudar a proxectarnos cara o exterior como un destino que ten moito que ofrecer no ámbito turístico, deportivo e de lecer”. Así mesmo, Somos Lousame é tamén “a afirmación do inmenso valor que ten Lousame, que son os seus veciños e veciñas”, apuntou a alcaldesa.

Pola súa banda, Gemma Castiñeira explicou que “por iso a representación gráfica de Somos Lousame enraízase no chan e medra, porque cando as persoas e as institucións poñemos os medios, os froitos veñen, antes ou despois”. Por iso, animou aos presentes a empregar as canles abertas por Somo Lousame, a través das redes sociais Instagram e Twitter. Uns medios que se suman aos xa dispoñibles como o Facebook, o Lousame Informa ou a aplicación para comunicar incidencias.